Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta avoga por implicar a toda a cidadanía na consecución dun urbanismo coherente e sostible


O vicepresidente da Xunta clausurou hoxe o curso ‘Estado actual e futuro do urbanismo español’ na Escola Galega de Administración Pública

O vicepresidente da Xunta destacou que a consecución dun urbanismo coherente e sostible é un obxectivo irrenunciable do Goberno galego, e nese camiño resulta fundamental a implicación de toda a cidadanía.

Durante a clausura do curso monográfico Estado actual e futuro do urbanismo español, celebrado onte e hoxe na EGAP e organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Alfonso Rueda puxo en valor o carácter multidisciplinar destas xornadas, así como o éxito de asistencia, con 350 matriculados.

Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, o urbanismo marca as pautas para o correcto desenvolvemento dun territorio e, neste eido, os plans xerais son a folla de ruta coa que deben contar todos os concellos galegos. Con ese obxectivo naceu a nova Lei do Solo, que contén maiores facilidades para a tramitación dos plans xerais. Unha tramitación máis sinxela e un respecto absoluto polo territorio, pola conservación e mellora da paisaxe, en liña cos criterios contidos na Estratexia galega da paisaxe.

Rueda detallou que nestes dous días abordáronse asuntos de grande importancia como a nova lexislación estatal en materia do solo e a súa integración na lexislación autonómica; a rehabilitación, rexeneración e renovación urbana en Galicia; a visión xudicial do urbanismo; a execución de sentenzas de derrubamento ou o urbanismo en países da contorna. Trátase de asuntos de primeira orde para o coñecemento dunha materia que para moitos resulta totalmente allea, por complicada, pero que realmente ten moita incidencia na vida diaria das persoas.

Neste sentido, a directora da EGAP fixo fincapé na necesidade dun cambio de mentalidade e no xeito de actuar para conseguir un uso do solo máis racional. Este cambio, incidiu, debe ir ligado á produción de coñecemento básico en materia de urbanismo e ao desenvolvemento de liñas de investigación multidisciplinares que abarquen ademais dos saberes da arquitectura, a enxeñaría, o dereito, a economía, a xeografía, o medio ambiente ou a socioloxía. “Só así poderemos cambiar un escenario cunha incidencia transcendental no desenvolvemento da nosa sociedade e na herdanza que deixaremos aos nosos fillos.”

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos resaltou a importancia de ofrecer formación especializada e facilmente accesible para aquelas persoas que se dedican ao urbanismo, non só na Administración pública, senón tamén para os profesionais das entidades privadas que desenvolven os seus traballos neste eido.